Sunday 28 de April de 2024

O Concello adxudica a pavimentación e renovación de servizos nas rúas Padre Feijoo e Arzobispo Xelmírez


O Concello de Ribeira ven de adxudicar a pavimentación e renovación de servizos nas rúas Padre Feijoo e Arzobispo Xelmírez cun orzamento de 91.310,84 euros. O proxecto executarase nun prazo de 3 meses.

A obra proxecta a pavimentación e renovación completa do firme existente en ambas rúas; coa fin de mellorar as condicións de accesibilidade mediante a implantación dunha plataforma única. O proxecto tamén inclúe a instalación dunha liña de abastecemento; a renovación da rede de augas fecais e unha recollida independente para as augas pluviais.
“Dende o Concello seguimos a traballar para mellorar a pavimentación e o saneamento naquelas rúas que se atopen deterioradas” explicou o alcalde Luís Pérez. “A mellora dos servizos é fundamental para o desenvolvemento sostible de todo o Concello.”

Este investimento foi incluído no “Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (Plan Único de Concellos) POS+ 2022”, aprobado polo Pleno da Deputación Provincial da Coruña.